Gracias totales | Espazo RPM
VENRES
19 DE DECEMBRO DE 2025
20 HORAS
ESPAZO RPM
Rúa San Carlos 8 baixo 2
15001 A Coruña
——————————
INSCRICIÓN
Gracias totales é un ritual de agradecemento arredor dunha mesa. É unha posta en situación que reúne textos, discursos, xestos e movementos arredor do simple feito de dar as grazas. Unha peza relacional onde o ritual comparte espazo coa comida, a conversa, a maxia, a investigación dun xesto ou dunha palabra.
Un grupo de persoas xúntase arredor dunha mesa para lembrar e invocar artistas, poetas, cantantes ou actrices que souberon agradecer de forma fermosa. Indagan en linguas descoñecidas –do quechua ao islandés pasando polo xaponés– a contaxiosa sonoridade da gratitude, a súa textura, o seu sabor, o arrecendo que desprende, o seu poder sutilmente transformador, e mentres o fan hai algo neles que se predispón mellor, algo así como unha sanación.
Ao mesmo tempo, mentres se escoitan agradecer e se agradecen, os performers van construíndo no centro da mesa un pequeno altar que alimentan con fotos familiares, libros, colares, plantas, cunchas, pedras, talismáns, etc.; toda unha serie de obxectos que conforman a ofrenda viva do agradecemento, o seu rexistro máis fiel e palpable, ofrecendo ao outro facer o propio. Porque, ao fin e ao cabo, nunca agradecemos o suficiente, e agradecer non ten data de caducidade.
Compañía La Soledad
Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi fundaron en Bogotá no ano 2011 a Compañía La Soledad, oxímoro que aproveitan para unir compañías itinerantes ás súas irremediables soidades.
Desenvolven, así, desde hai máis de dez anos, proxectos de literatura amplificada, teatro ou performance onde os textos –poemas, manifestos, cancións, grafitis– se len e interpretan de maneira poética e lúdica, en roce e recollimento con outras disciplinas, escenificando a cor, a voz, o arrecendo e mesmo o tacto da(s) escritura(s).
Nas súas montaxes traballan a palabra en relación coa paisaxe e co contexto local onde realizan as obras, cada unha das cales xera o seu propio dispositivo e deixa varias estelas: a do propio proxecto estreado e outra, máis sutil e colectiva, incluso máis duradeira, que contempla a rede vincular que se teceu na previa á estrea, hibridando disciplinas e saberes, plataformas e linguaxes, préstamos e trocos.












