Roland mon amour

Cris Balboa – 20 de setembro no Teatro Rosalía de Castro
Imaxinade que estou en escena soa co meu sinte e estou acojonada. En realidade, fago dunha tía moi nerviosa que se vai enfrontar a algo moi heavy. Non hai nada heavy na miña selección musical, pero intento ser un pouco punkarra porque iso sempre é aplaudido nas performances. Penso no punki e só vexo ao tipo con cresta que sempre se me quedaba mirando no Maycar. Estou en escena soa sen cresta e querendo que a xente diga: esta tía é moi punki. Os punkis que coñecín non reciclaban, tiraban os pitillos ao chan e levaban pantalóns apertados con cadeas.
A min gústanme os pantalóns folgados tipo slouchy e reciclo ata a miña regra, así que renuncio definitivamente a ser punki. Imaxinade que empezo escusándome como cando vas falar en inglés e dis sorry for my English, porque isto que me propoño é moi difícil. Entón, imaxinade que eu o sei e que vós tamén o sabedes, pero todas somos moi educadas e asumimos que pode darse o acontecemento, e desexamos que suceda algo e que non nos entre o sono.
Obxectivo principal: que a miña audiencia non se durma. Entón podo optar por facer algo entretido, para que o meu público non se durma ou podo xerar un ritmo frenético ata incluso crearlles certa ansiedade. Isto último non é un desexo moi nobre para unha artista que se considera hedonista e que só quere facer que a xente o pase ben. O obxectivo podería ser que o público saíse de verme con ganas de bailar e iso xa me gusta máis. Que digan: saín de ver a movida esa de Roland mon amour con ganas de partir a pana e superconcienciada.







